PLATAFORMA ULLOA VIVA

Esta plataforma nace da necesidade das veciñas e veciños para defendernos do que consideramos unha ameaza real á nosa maneira de vivir.
Para os que aínda non coñezades o proxecto, este sería o resumo. Segundo o EIA feito polo promotor Greenfiber (ALTRI+ GREENALIA), o plan sería construir unha fábrica combinada: por un lado, unha fábrica de celulosa soluble, con unha estimación de 400.000 toneladas de produción ao ano, e por outro unha de lyocell, con unha produción de 200.000 toneladas ao ano. A extensión física a ocupar serían 360 ha, tería unha cheminea de 75 metros a 2 km do Camiño de Santiago, que botaría ao día 8754 kg de gases contaminantes, entre os que se encontran óxidos nitrosos e óxidos sulfurosos. Tería unha canalización de 12,5 km. Os terreos son privados, pero grazas a ser nomeado “Proxecto Industrial Estratéxico” pola Xunta, esta empresa privada podería expropiar os terreos e impoñer unha servidume na canalización de entre 10 e 6 metros de ancho. A materia prima que precisa é eucalipto. Pretende captar 46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Potodemouros e devolver a un tramo do alto Ulla 30 millóns de litros de vertedura o día con 62.010 kg de substancias contaminantes como nitróxeno ou sultafos.

Coñecendo os datos anteriores, publicados polo propio promotor do proxecto, preguntar por que estamos en contra do proxecto de ALTRI-GREENALIA é como preguntar por qué estamos en contra de arrasar co corazón de Galicia, coa súa xente, co seu medio e co río Ulla, un río do que beben once concellos e nutre unha das rías máis produtivas do mundo, a ría de Arousa. Unha macrocelulosa como a que nos tentan impoñer pola forza ALTRI-GREENALIA non ten cabida no noso futuro e está moi lonxe do que nós consideramos progreso. Os veciños queremos deixar claro que protexeremos a nosa saúde, a nosa contorna e o noso río.